O PP de Muras esixe ao Goberno local "traballo" ante a "paralización e as irregularidades"

TerraChaXa
A popular lembra ao goberno do BNG que “está en minoría” e, polo tanto, “debe dialogar, ter a vontade de consensuar e de tratar de chegar a acordos en beneficio do Concello e dos nosos veciños”
concello-muras
Casa consistorial de Muras
15 May 2024

O PP de Muras advirte da “falta de traballo e de xestión” por parte do alcalde e do goberno nacionalista ante a paralización de asuntos municipais: a non convocatoria das axudas á factura da luz este ano, facturas pendentes de pago dende o 2021 -algunhas delas saltándose o procedemento que recolle a lei-, a ausencia de orzamentos municipais -e, polo tanto, de partidas orzamentarias concretas para dispoñer de fondos para facer pagos- e a perda de subvencións. É por iso polo que os concelleiros populares convidan “ao alcalde e ao equipo de goberno do BNG a poñerse a facer o seu traballo”.

Á vista de que “aínda non foron publicadas as bases para as axudas á factura da luz”, a portavoz popular, Eugenia Requeijo, advirte que “se os responsables do goberno local non convocan as axudas, non se poden solicitar e moito menos cobrar”. Tendo en conta que os anos anteriores se convocaban a comezos de ano, “este ano, canto menos, imos atrasados e, se o goberno local chega a sacar a convocatoria, tardarán en resolverse e pagarse”.

Este é un exemplo máis “da mala xestión do goberno nacionalista: da súa falta de interese por atender ao que lles preocupa aos veciños e veciñas de Muras e do seu desastre na xestión económica”.

Ao respecto, os populares advirten de “facturas pendentes de pago correspondentes aos anos 2021, 2022 e 2023” entre as que se atopan algunhas por servizos “encargados a dedo”, sen concurso público como recolle a Lei de Contratos do Sector Público.

Nese sentido, os populares explican que “non podemos apoiar as irregularidades do alcalde e o seu goberno” polo que “pedimos a retirada desas facturas e aprobar o pago de tódalas demais que o goberno nacionalista ten sen pagar por non dispoñer de partida orzamentaria prevista”. Así mesmo, explica que “o goberno municipal tampouco presentou ningunha proposta para que o Concello de Muras teña orzamento este ano”.

A popular lembra ao goberno do BNG que “está en minoría” e, polo tanto, “debe dialogar, ter a vontade de consensuar e de tratar de chegar a acordos en beneficio do Concello e dos nosos veciños”.

Eugenia Requeijo incide na “negativa xestión deste goberno municipal” sinalando “a perda dunha subvención por non cumprir prazos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17861604690552