O PP de Pastoriza critica o uso de gravilla para arranxar a estrada de Corvelle a Muimenta
Os populares advirten que “o goberno local arranxou con gravilla e un pouco rego asfáltico a estrada municipal de Corvelle a Muimenta polos Canaredos que estaba aglomerada”.
Dende o PP local cren que se trata dunha “chapuza” que “non vai servir para arranxar a estrada de forma duradeira e nas condicións na que a precisan os usuarios da vía que son, principalmente, os veciños da zona”. Para os populares é “unha actuación con fins electoralistas máis que coa finalidade de acondicionar debidamente unha estrada moi transitada”.
Despois de numerosas queixas dos veciños e reiteradas chamadas de atención por parte dos populares, o goberno local arranxa algunhas vías das parroquias “xusto cando falta menos dun ano para as próximas eleccións municipais”.
O PP da Pastoriza pide seriedade á hora de arranxar as pistas municipais: “É necesario desenvolver un plan serio con actuacións de mellora e conservación continuado no tempo para evitar que as estradas que os veciños usan a diario cheguen a atoparse nunhas lamentables condicións como se atopan agora boa parte das vías municipais”.