O PP de Pol acusa ao alcalde de bloquear o acceso a expedientes clave

A voceira do Partido Popular de Pol, Nicole Grueira, pregúntase “que ten que ocultar o alcalde” ante o que considera numerosos impedimentos para que o seu grupo municipal poida revisar varios expedientes do Concello, e volve reclamar acceso aos documentos “co obxectivo de informar á veciñanza”.
Grueira presentouse na data e hora fixadas polo propio alcalde para consultar os expedientes 316/2025, 318/2025 e 339/2025, aos que solicitara acceso o pasado 9 de xullo. Porén, asegura que se lle comunicou que non era posible realizar a consulta “por non haber secretaria”. Lembra que os concelleiros teñen dereito a obter datos e informacións que obren nos servizos da Corporación, pero lamenta que, unha vez máis, lles resultase imposible acceder á documentación solicitada.
A portavoz popular critica que o alcalde atrasase máis dun mes a autorización para revisar os expedientes, fixando a data case a mediados de agosto cando podería telo permitido antes, aproveitando o tempo no que si había secretaria.
Engade que, sendo coñecedor con antelación da data de cesamento da funcionaria, non tomou ningunha medida para garantir a consulta no día e hora que el mesmo confirmara ao asinar o decreto, o que leva a pensar que “non lle interesaba que se coñecera o contido deses expedientes municipais”.
A concelleira rexistrou unha nova solicitude para que se lle conceda canto antes outra data e hora que permita examinar os documentos e “poñer luz sobre a forma de xestionar do alcalde socialista para coñecemento de todos os veciños e veciñas”.