O PP de Pol acusa ao alcalde de gastar os cartos de servizos básicos en dietas de comidas

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira: “Os veciños seguen esperando arranxos imprescindibles nas pistas e camiños"
nicole-grueira-pista-valonga
19 Feb 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian a situación de abandono que sofren as pistas e camiños municipais do concello, así como a falta de atención ás necesidades básicas da veciñanza, mentres Lino Rodríguez continúa a cargar dietas en comidas por un importe duns 7.00 euros con cargo ás arcas municipais, en tan só dous meses.

A voceira municipal, Nicole Grueira, considera “inadmisible” que, mentres numerosos camiños e pistas municipais permanecen en mal estado e sen mantemento, Lino Rodríguez “prioriza gastos que non repercuten na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Pol”. “Estamos a falar de fondos públicos, de toda a veciñanza, e non se está facendo un uso responsable nin orientado ás verdadeiras prioridades do municipio”, explicou.

A voceira popular critica que o goberno local continúe sen ofrecer solucións reais aos problemas diarios da cidadanía, deixando sen atender cuestións básicas que afectan directamente á seguridade e á mobilidade no rural. “Os veciños seguen esperando arranxos imprescindibles nas pistas e camiños, mentres o alcalde dedica miles de euros a comidas, non sabemos con quen nin que beneficio teñen para o municipio, sufragadas co diñeiro de todos”, denunciou.

Ademais, Nicole Grueira lembra que o Concello de Pol leva desde o ano 2022 sen aprobar uns novos orzamentos municipais, unha situación que considera unha mostra da parálise e da falta de planificación do alcalde. A isto súmase unha débeda acumulada que ascende aos 5M€, o que “evidencia unha xestión económica irresponsable e sen rumbo claro”.

“É incomprensible que un concello que arrastra esta situación económica moi complicada siga destinando recursos cara a gastos superfluos mentres se abandonan as necesidades reais da veciñanza”, afirma Grueira, quen reclama un cambio urxente na política municipal, con prioridade absoluta para os servizos públicos, o mantemento das infraestruturas e a transparencia na xestión.

Dende o Grupo Municipal Popular de Pol esixen ao alcalde que dea explicacións públicas sobre estes gastos e que poña fin a unha dinámica que consideran allea ás preocupacións dos veciños, apostando por unha xestión responsable, eficiente e centrada no interese xeral do concello.

A voceira popular tamén destaca que “mentres o alcalde gasta sen control no seu propio interese e beneficio, os maiores do noso concello, seguen sen desfrutar da tradicional comida dos maiores que leva anos sen organizarse”.

⚙ Configurar cookies
0.078382015228271