O PP de Pol acusa ao alcalde de gastarse os cartos en comidas e non en melloras para as vías

Pol
TerraChaXa | LugoXa
A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, lamenta que “no Concello haxa cartos para as comidas do alcalde pola provincia adiante, pero non para cubrir as necesidades básicas dos veciños, como é ter as estradas municipais en bo estado ou pagar o gasóleo para os vehículos ou maquinaria do Concello”.
Nicole Grueira pp pol portada
8 Mar 2024

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, lamenta que “no Concello haxa cartos para as comidas do alcalde pola provincia adiante, pero non para cubrir as necesidades básicas dos veciños, como é ter as estradas municipais en bo estado ou pagar o gasóleo para os vehículos ou maquinaria do Concello”.

A popular advirte do pago de máis de medio millón de euros (509.000 euros) en facturas a través dun procedemento excepcional. “Non é a primeira vez. O Concello recorre habitualmente ao recoñecemento extraxudicial de crédito coma o que vén de aprobar o goberno socialista para pagar estas facturas”.

E aínda por riba, despois de aprobar o pago de todas facturas, “o alcalde non ordenou aínda o pago”. É por iso polo que nos preguntamos “cal é o criterio que segue o rexedor socialista para facer os pagos” porque todo parece indicar que “fai o que lle parece e cando lle parece, sen ningún tipo de criterio”.

Grueira explica que “entre esas pendentes de pago atópanse facturas por máis de 2.400 euros en comidas pola provincia adiante”. Nese sentido, a popular pregunta se esas comidas estaban debidamente xustificadas -cal era o interese do Concello de Pol en pagar comidas en Ribadeo ou Cervantes e quen estaba nelas- ou se eran comidas do alcalde con amigos facendo turismo”. É que “as comidas do alcalde pola provincia sen xustificación non as teñen por que pagar os veciños de Pol. Debería pagalas do seu peto”.

Así, a voceira popular formulará preguntas sobre as comidas, “con quen foron, para que e se tiñan que ver co Concello de Pol” á vista de que “algunha delas se desenvolveron en lugares con ningún tipo de vínculo co Concello nin con ningunha administración da que poida depender ou ter intereses Pol”.

Segundo o informe de intervención, o Concello de Pol ten unha débeda de 2.701.724,97 euros. “É unha débeda elevadísima, de case 3 millóns de euros, para un concello pequeno de 1.600 habitantes aproximadamente”. Por iso, a popular lembra que “a situación na que se encontra o Concello é alarmante. Estamos ante unha deriva financeira”, subliña.

Ante o ascenso da débeda, a popular condena que “o goberno local non toma ningunha medida. Ao contrario, o único que fai o goberno local é seguir malgastando o diñeiro. Esta mala xestión, falta de responsabilidade e de rigorosidade pagarémola todos os veciños”.

UN CONCELLO SEN TEMÓN E COAS PISTAS EN MAL ESTADO

Grueira considera que “o Concello de Pol está sen temón. Está sometido á inoperancia dun goberno socialista, que malgasta o diñeiro dos seus veciños; pero que non se preocupa en ofrecerlles os mellores servizos públicos posibles”.

Os populares defenden que “os veciños de Pol teñen dereito a unhas estradas dignas e seguras” e, polo tanto, pídenlle ao goberno local que “tome en serio o arranxo das pistas porque o seu o mal estado supón un risco para todos os veciños”.

0.19027018547058