O PP de Pol acusa ao alcalde de "irresponsable" por non ter conserxe no colexio
O Partido Popular de Pol critica a “irresponsabilidade” do alcalde e advirte que “está a pasar factura a toda a comunidade educativa (pais e nais, alumnado e profesorado)”; xa que “os nenos do colexio seguen sen conserxe porque o alcalde así o decidiu”.
“Remata o primeiro trimestre do curso escolar e o centro continúa abandonado á súa sorte sen que o equipo de goberno local sexa capaz de garantir os servizos básicos”, explica a voceira, Nicole Grueira.
A popular sinala que “ao alcalde se lle enche a boca falando de evitar o despoboamento do concello e de adoptar medidas pensando no futuro, pero as súas accións van en dirección contraria: deixa aos nenos sen conserxe dificultando o día a día no colexio; mantén as pistas sen arranxar, afondando o abandono das infraestruturas; e sobe os impostos para pagar unha débeda que el mesmo contribúe a agravar con gastos innecesarios e mala xestión”.
Os populares pídenlle ao rexedor que “se quere demostrar que de verdade se preocupa polo municipio e os seus habitantes, cubra de inmediato o servizo de conserxería. Non garantir os servizos básicos municipais é condenar a Pol ao desmantelamento que tanto di querer evitar”.
“As palabras non serven de nada sen feitos” e por iso lle piden ao alcalde que “actúe dunha vez ou deixe o cargo a quen si saiba defender os intereses dos veciños”, remarca a voceira popular.