O PP de Pol acusa ao equipo de Goberno de falta de transparencia nas contas
O PP de Pol denuncia unha falta de transparencia e rigorosidade por parte do goberno local en canto as contas municipais. Neste sentido os populares resaltan “a fuxida constante cara adiante do actual goberno municipal sen detallar e dar explicacións das súas medidas e accións políticas”. “A aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos para o pago de facturas no último pleno extraordinario celebrado no consistorio supón un caos e agranda aínda máis o burato financeiro que temos no concello”, explican desde o grupo municipal do PP.
O recoñecemento extraxudicial de créditos (REC) é un procedemento polo que se cargan ao orzamento que se estea executando gastos efectuados en exercicios anteriores. Nestes casos faise necesario motivar as razóns que provocaron esta situación irregular así como xustificar a necesidade de propoñer unha compensación a favor do terceiro interesado polo importe dos gastos ocasionados pola realización dunha prestación a favor do Concello que quedou sen abonar.
Explica o PP que a corporación municipal celebrou este pleno extraordinario con motivo de recoñecemento de facturas para o seu pagamento a través deste recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 291.294,13 € para pagar facturas que están fóra do presuposto de 2022, é dicir, gastouse máis do que se podía.
Aos populares chámalles a atención que entre os gastos do 2022 que se van a afrontar con cargo no orzamento de 2023 figuran partidas como “Menú concertado”, “Menús” ou “Comidas” por valor de preto de 9.000 euros, ademais de partidas para o funcionamento ordinario municipal que explica a nefasta situación financeira do Concello.