O PP de Pol asegura que “os investimentos da Xunta en Pol son unha realidade”

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, asegura que “é o alcalde o que desprestixia ao Concello coas súas accións” e incide en que “o investimento da Xunta en Pol é unha realidade. Que non intente enganar”, subliña.
A popular sinala que “non imos aceptar as culpas da débeda que é froito das malas operacións de Lino Rodríguez” que levaron ao Concello a acumular unha débeda de máis de 3,5 millóns de euros convertendo a Pol no municipio máis endebedado da provincia.
Grueira explica o investimento da Xunta en Pol lembrando ao rexedor socialista “achegas moi importantes como o Fondo de Cooperación Local, unha transferencia directa da Xunta de Galicia ao Concello para dirixir ás actuacións que decida o goberno local”.
No último ano, no 2024, o Concello de Pol recibía por este concepto máis de 206.000 euros. “Está nas súas mans decidir a que actuacións o dirixe. Dende o Partido Popular temos claro que se deben priorizar os servizos aos veciños”, incide.
A voceira popular destaca que “nos últimos cinco anos a Xunta investiu no Concello de Pol unha media de 1,3 millóns de euros cada ano”, aos que hai que engadir os servizos públicos que presta de forma directa no municipio como, por exemplo, a Atención Primaria e os servizos educativos do CEIP Rosalía de Castro ou as axudas a gandeiros, particulares e empresas que contribúen á dinamización socioeconómica do municipio.