O PP de Pol critica unha suba de 8 euros no recibo do lixo

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira explica que o alcalde pretende que sexa todos os veciños de Pol os que teñan que facer fronte “a todos os gastos derivados dos seus caprichos”
nicole-grueira
20 Sep 2025

“Os veciños de Pol teñen que asumir unha suba de 8 euros (de 22 a 30€) no recibo do lixo por mor da nefasta xestión económica do Concello realizada por Lino Rodríguez”.

Así de contundente se amosa a voceira popular en Pol, Nicole Grueira, tras ter coñecemento de que xa se fixo efectiva esta suba impositiva a todos os veciños de Pol “todo pola nefasta xestión económica de Lino Rodríguez, que o único que quere é que toda a veciñanza pague polas súas malas decisións xa que todos os cartos os destinou só aos seus caprichos”.

Dende o Grupo Municipal Popular lembran como no mes de novembro xa se posicionaron “totalmente en contra” da “brutal” suba impositiva aprobada polo goberno local liderado polo alcalde Lino Rodríguez, “unha carga inmensa para os veciños de Pol que vén derivada da neglixente xestión económica do alcalde que provoca que a débeda municipal a pagamos entre todos os veciños con subas impositivas coma esta”.

Nicole Grueira segue amosándose firme e clara: “a nosa postura é a mesma de hai meses, totalmente en contra de incrementar os impostos aos veciños”.

Este taxazo aprobado polo goberno de Lino Rodríguez débese “á nefasta xestión económica do alcalde”, poñendo como exemplo que o goberno socialista de Pol pechou o ano 2023 cun déficit de 417.074,44€, debido a que os ingresos foron de 242.106,78€ e os gastos ascenderon a 659.181,22€.

Os concelleiros populares dan outros exemplos das subas aprobadas polo goberno socialista de Pol:

  • Auga: a tarifa fixa pasa de 3€ a 15€, unha suba dun 500%
  • Uso gandeiros: pasa de 5€/mes a 20€, un aumento do 300%
  • Vivenda: pasa dos 22€ ao trimestre a 30€ na actualidade, un incremento do 66,67%

A realidade en Pol é que “todos os veciños cada vez pagamos máis impostos pero, pola contra, temos menos servizos” xa que as pistas e camiños municipais están en moi mal estado, hai parroquias que levan meses sen alumeado público, os nenos do colexio levan meses sen conserxe, o PAI está nunhas condicións deplorables… “Levamos moitos meses denunciando a situación: Lino Rodríguez unicamente pensa nos seus caprichos, sen importarlle se os veciños de Pol teñen cubertas as necesidades básicas que debe dar todo Concello”.

⚙ Configurar cookies
0.10107398033142