O PP de Pol culpa ao alcalde de defender a eliminación da praza de conserxe no colexio

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A xornalista María Graña toma posesión como conselleira do Partido Popular
NICOLE-GRUEIRA-MARIA-GRANA
9 Jan 2025

A portavoz do Partido Popular de Pol, Nicole Grueira, condena “o total desinterese do alcalde” pola comunidade educativa (alumnado, familias e profesorado) tras confirmar no pleno deste mércores que “non pensa cubrir a praza de conserxe” despois de deixar ao colexio sen este servizo “de forma improvisada e inxustificada”.

É dicir, trala volta das vacacións de Nadal, “a irresponsabilidade do alcalde fai que o centro continúe sen persoal que atenda e vele polo correcto funcionamento diario do centro de forma eficiente e segura”.

A popular aproveitou o punto de rogos e preguntas para pedir explicacións ao rexedor socialista sobre “os motivos da súa decisión”, despois de que o alcalde intentara evitar o debate no pleno sobre este asunto ao non incluír na orde do día unha proposta do PP -presentada en tempo e forma- para instar ao goberno municipal a cubrir de inmediato o posto de conserxe no colexio. É máis, “durante o pleno dixo que xa o incluiría cando el quixera”.

Grueira indica que “é un exemplo máis do seu autoritarismo”, unha actitude que xa é habitual nos plenos nos que interrompe continuamente á oposición. “Non nos da quenda de palabra por un tempo determinado no que poidamos expoñer o noso punto de vista sen ser interrompidas”, engade.

MARÍA GRAÑA, TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRA POLO PP

María Graña, xornalista de 36 anos e natural da parroquia de Caraño (Pol), tomou posesión no Pleno da súa acta de concelleira do Concello de Pol polo Partido Popular “con ganas de traballar polo noso concello e os nosos veciños e veciñas”.

A portavoz, Nicole Grueira, dálle a benvida e agradécelle “a súa vontade e implicación” co proxecto do Partido Popular para Pol.

Tras comunicar o alcalde no propio pleno a existencia de danos rexistrados nas instalacións do campo de fútbol municipal, en Mosteiro; a popular trasladou a súa condena “a calquera tipo de acto vandálico, de danos contra o patrimonio municipal ou calquera outro”; así coma “a nosa repulsa a calquera comportamento que quede fóra do respecto ás persoas, animais ou bens”.

0.16656517982483