O PP de Pol destaca a colocación de vinte trampas xeolocalizadas contra a vespa velutina

O Partido Popular de Pol quere manifestar a súa satisfacción pola colocación de vinte trampas xeolocalizadas contra vespa a velutina no concello, unha actuación levada a cabo pola Xunta de Galicia.
Trátase dunha medida que atende unha das principais demandas dos sectores apícola, gandeiro, agrícola e forestal, xa que permitirá facer un seguimento exhaustivo da expansión desta especie invasora e contribuír ao control do seu impacto.
A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira destaca que “estas trampas permitirán unha loita máis eficaz, planificada e adaptada ao territorio contra unha praga que leva anos causando importantes perdas no noso medio rural”.
Grueira tamén quere agradecer expresamente á Xunta de Galicia o seu compromiso con este concello: “Dende o PP de Pol queremos agradecer á Xunta o seu traballo e a súa implicación con esta actuación, que é un paso importante na protección das nosas explotacións, da nosa biodiversidade e do noso futuro”.
O Partido Popular de Pol reitera así o seu compromiso para seguir traballando e esixindo actuacións que teñan en conta as necesidades reais do municipio fronte a ameazas como a vespa velutina.