O PP de Pol insta a iniciar o proceso de mellora da igrexa de Caraño
Na actualidade a situación da igrexa da parroquia de Caraño en Pol ten visiblemente molestos aos veciños do municipio, pois teñen unha igrexa en condicións nefastas, sen acondicionar e sen arranxar.
Dende o Partido Popular de Pol ínstase ao goberno municipal a iniciar o proceso de mellora do templo parroquial. “Os veciños non merecen esta situación. Pedimos ao Concello que se ocupe inmediatamente das reformas precisas para o seu acondicionamento e posta en marcha. É unha situación que provoca un gran malestar nos veciños da parroquia” afirma a formación popular.
“Lévase prometendo ano tras ano o arranxo das deficiencias, e ata o día de hoxe segue sen encontrarse unha solución óptima”, explican dende o grupo popular de Pol. A única medida que aportou o goberno foi trasladar a igrexa a unha nave que os veciños califican de “igrexa nova”, nunhas condicións que deixan moito que desexar. Esta situación provoca malestar e incertidume nos veciños, que o único que queren é ter unha igrexa en bo estado.
Desinterese continuo
Durante o mandato do actual goberno municipal, o alcalde non tomou medidas para enmendar este problema, que afectan a todos os habitantes de Pol. O goberno local amosa un desinterese continuo ante as queixas veciñais. Agora que se achega a época electoral mostra unha preocupación carente de valor, pois, como está demostrado incurre no moito prometer pero pouco cumprir.