O PP de Pol pide explicacións sobre "o incremento da débeda"
A voceira do Grupo Municipal Popular, Nicole Grueira, esixe ao goberno local e ao rexedor socialista explicacións sobre o incremento da débeda do Concello, que é unha “clara evidencia da mala xestión por parte do goberno local”. E, para corrixir esta “comprometida situación financeira”, urxe a adoptar as medidas que garantan a sostibilidade dos seus gastos correntes sen necesidade de acudir a mecanismos excepcionais de financiamento”.
A popular explica que “a débeda se incrementou dos 1.361.000 euros no 2021 aos 1.503.000 euros no 2022”. Isto supón que “o Concello de Pol siga sendo o municipio da provincia con máis débeda por habitante”: 932,38 euros por cada veciño.
Grueira cre que “os veciños merecen estar ao tanto da realidade do Concello” e lamenta que “a débeda segue aumentando, pero ninguén da explicacións”. Nese sentido, avanza que “esixiremos no vindeiro pleno coñecer os motivos que levaron a chegar a acumular tanta débeda”.
MALA XESTIÓN DO GOBERNO LOCAL
“A situación financeira do Concello é mala e cada vez peor. Lamentablemente, os datos non aseguran un futuro de oportunidades para os nosos veciños”. De feito, “a elevada débeda limita e condiciona negativamente o progreso de Pol. É un perigo para a sostibilidade económica do Concello”, alerta.
O informe do Consello de Contas recolle, con respecto á Conta Xeral do 2021, que “o Concello de Pol non cumpre coa estabilidade orzamentaria, presenta aforro bruto negativo o que significa que é incapaz de financiar con recursos propios os investimentos e a amortización da débeda”. Igualmente, o remanente de tesourería tamén é negativo, polo que “o Concello tampouco pode facer fronte ás súas débedas a corto prazo”.
A popular engade que “o contexto actual no que nos atopamos é froito dunha mala xestión do goberno local” e cre que “xa é tempo de comezar a xestionar de forma seria, rigorosa e responsable”.