O PP de Pol pide o traslado do PAI a outra localización "máis axeitada"

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira considera “urxente” actuar para garantir a continuidade e a calidade deste servizo
atencion-tempera-cativos-nenos-coidar
29 Jul 2025

A voceira do Partido Popular de Pol, Nicole Grueira, explica que se defenderá no vindeiro pleno que o Concello inicie os trámites necesarios para o traslado do Punto de Atención á Infancia (PAI) a unha nova localización “máis axeitada, segura e accesible”.

Nicole Grueira explica que o PAI de Pol é un servizo fundamental para a atención e educación dos nenos e nenas de entre os 3 meses ata os 3 anos, ao mesmo tempo garante a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio.

Na actualidade, este servizo atende a 14 nenos e nenas e mesmo conta con lista de agarda, o que evidencia claramente a súa necesidade, demanda e utilidade dentro do municipio.

“É un servizo de titularidade municipal polo que é responsabilidade do goberno local garantir que o PAI funcione en condicións óptimas, dotalo dos recursos necesarios, así como localizado nun espazo axeitado, accesible e seguro”, incide, ao que engade que “a día de hoxe, o PAI de Pol presenta importantes carencias e sinais evidentes de abandono por parte do Concello”.

Nicole Gruera insiste en que “o alcalde non pode seguir desatendendo un servizo esencial como o PAI e ten a obriga de coidar dos pequenos do municipio”.

A voceira popular considera “urxente” actuar para garantir a continuidade e a calidade deste servizo “para o que é indispensable” trasladalo a unha nova situación, algo para o que o Concello de Pol dispón de inmobles e espazos públicos que “se teñen as características técnicas necesarias poden acoller o servizo con máis garantías, proporcionando unha atención máis digna, cómoda e segura tanto para os nenos como para o persoal educativo”.

⚙ Configurar cookies
0.20530009269714