O PP de Pol preguntará na Deputación pola compra de un supermercado do Concello de Pol
A Xunta de Goberno provincial aprobou na sesión do día 5 de decembro de 2024 o convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Pol para cooperar no financiamento dos gastos derivados da execución das actuacións: “adquisición de edificación para edificación multiusos e acondicionamento de supermercado, ano 2024”, segundo o cal a Deputación achega 105.000 euros.
Ante esta situación, os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no pleno do martes que criterios aplicaron, tanto PSOE como BNG, para a aprobación do convenio co Concello de Pol para a compra dun supermercado.
“Non imos entrar a valorar a conveniencia ou non de que unha administración pública realice este tipo de operacións, pero o que está claro é que é cando menos dubidosa esta colaboración xa que PSOE e BNG negan calquera tipo de axuda, convenio ou colaboración a máis da metade da provincia, incluso para actuacións básicas e prioritarias como o mantemento das estradas municipais”, afirmaron.
Ante esta situación, os deputados populares pedirán acceso á conta xustificativa e ao expediente para coñecer os motivos polos que PSOE e BNG aprobaron un convenio de 105.000 euros ao Concello de Pol para a adquisición deste supermercado.