O PP de Pol solicita a nulidade dos acordos do pleno do mes de xullo

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira explica que se pide esta medida porque a celebración deste pleno non se axustou aos trámites legais establecidos para a súa convocatoria
concello-de-pol
21 Ago 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Pol veñen de presentar no Concello un recurso de potestativo de reposición para pedir a nulidade da convocatoria, celebración e acordos tomados no pleno extraordinario celebrado o pasado 24 de xullo.

A voceira popular, Nicole Grueira, explica que “vémonos na obriga” de tomar esta medida “cansos de ver como o alcalde se salta todas as normas e obrigas legais” xa que “este pleno non se convocou nin se celebrou coa antelación legal marcada pola lei”.

Cómpre recordar que a lexislación vixente establece un prazo de 48 horas para a convocatoria dun pleno extraordinario, reducindo o prazo a 24 horas no caso dun pleno extraordinario e urxente.

Neste caso, o pleno extraordinario convocouse en torno ás 12:00 horas do 23 de xullo, celebrándose ás 09:00 horas do día 24 de xullo. “Queda claro que non se cumpriron os trámites legais establecidos”, denunciou.

Neste pleno o equipo de goberno aprobou en solitario a modificación dos estatutos da Fundación Terras de Pol, un acordo que “entendemos non é legal por non cumprise cos trámites legais establecidos”.

Nicole Grueira insiste en que “o alcalde vulnerou os nosos dereitos e liberdades constitucionais como concelleiros de Pol, tanto pola inxustificada premura e urxencia da celebración non prevista, que mesmo impediu a asistencia dalgún compañeiro como a falta de tempo de estudo, ditames e informes sobre dito expediente, como a súa inxustificable e inxustificada urxencia”.

0.20302796363831