O PP de Ribadeo denuncia que o Concello arrastra débedas con colectivos e empresas
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia que o Concello ribadense ten débedas con colectivos e empresas desde o ano 2016.
Daniel Vega manifestou que “anunciar posibles investimentos nos medios de comunicación a catro meses das eleccións non nos parece responsable. Eu creo que é querer enganar aos ribadenses con propostas para despois non cumprir. Doce anos de goberno e de repente parece que se vai facer todo en catro días. Creo que iso non é moi responsable por parte dun goberno. Durante estes doce que se fixo? Por que agora si, a catro meses de eleccións e non con anterioridade?”.
O candidato do PP á Alcaldía ribadense engadiu: “tamén nos parece enganar aos veciños de Ribadeo aprobar unhas contas que eu creo que son contos, porque hai moitos colectivos asociativos e moitas empresas que levan sen cobrar desde o ano 2016. O alcalde e o seu equipo de goberno anunciaban que no Concello de Ribadeo se pagan as facturas a nove días, pois que llo expliquen eles a moitos colectivos asociativos e a moitas empresas que levan sen cobrar desde o 2016. Dino moitos colectivos que nos trasladan esa queixa e nós vamos seguir dicindo verdades como templos porque nós non estamos en política para enganar senón para cumprir o que estamos dicindo, para cumprir as nosas propostas. Polo tanto pedímoslle ao alcalde e ao seu goberno municipal que cumpran cos veciños, que paguen aos colectivos asociativos e ás empresas neses 9 días. E tamén que non anuncien obras a catro meses das eleccións para despois non cumprir”.