O PP de Ribadeo destaca o comezo das obras de mellora do cemiterio da Devesa
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, sinala que “están a comezar as obras de mellora no cemiterio da parroquia de A Devesa”.
A este respecto, o popular destaca a achega de 10.000 euros por parte da Xunta de Galicia dirixida á asociación de veciños desta parroquia ribadense co obxectivo de sufragar o custe das obras de mellora das beirarrúas e do acceso a este espazo que supoñía dificultades para as persoas con mobilidade reducida.
O voceiro do PP ribadense explica que se trata dunhas obras “moi demandadas polos veciños do lugar que se puxeron en contacto con nós para estudar posibles fórmulas de colaboración coa administración autonómica” coa finalidade de acometer esta reforma que “xa está en marcha”.
Vega pon en valor, unha vez máis, “a vontade de colaboración do Grupo Municipal Popular con tódalas entidades asociativas e tódolos veciños e veciñas de Ribadeo” sen esquecer “a nosa aposta pola colaboración institucional entre as distintas administracións tal e como defendemos dende que formamos parte da corporación municipal”. Lamenta o popular, pola contra, que “mentres nós traballos, dende o goberno prefiren a polémica e o discurso da confrontación”.