O PP de Ribadeo di que "deberíase seguir solicitando os obradoiros de forma individual a maiores da colectiva"

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, asegura que “a decisión de Fernando Suárez e do seu equipo de goberno de compartir un obradoiro de emprego co Concello de Barreiros non é moi acertada”.
20 Feb 2020

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, asegura que “a decisión de Fernando Suárez e do seu equipo de goberno de compartir un obradoiro de emprego co Concello de Barreiros non é moi acertada”. Os populares cren que se trata dun “erro” porque “Ribadeo perde a oportunidade de beneficiar dun modo directo e de forma exclusiva a desempregados do noso municipio que recibirían formación e, ao mesmo tempo, conseguirían un contrato de traballo”.

Vega sinala que “non compartimos esta decisión que parte única e exclusivamente do equipo de goberno” e que supón que as 591 persoas en situación de desemprego coas que conta Ribadeo “vexan reducidas as súas posibilidades de beneficiarse deste obradoiro”.

Con todo, os concelleiros populares apoiaron no pleno extraordinario deste mércores que o Concello de Ribadeo solicite un obradoiro de emprego en exclusiva e outro compartido co Concello de Barreiros “por responsabilidade” porque “non queremos que os ribadenses perdan a oportunidade de recibir formación para o emprego”. É máis, “dende o PP nunca nos oporemos a ningunha iniciativa que contribúa á creación de emprego, pero consideramos que a solicitude individual, como se ten feito nos últimos anos, é moito más beneficiosa para os ribadenses”.

O voceiro do Grupo Municipal do PP considera, ademais, que “cun obradoiro compartido, Ribadeo verá reducido o investimento que, como na convocatoria do ano 2019, a Xunta dirixiu ao noso municipio para o desenvolvemento de dous obradoiros de emprego de forma exclusiva e que ascende a máis de 516.000 euros”. É por iso polo que os populares defenden que “o Concello de Ribadeo debería seguir solicitando os dous obradoiros de forma individual tal e como ten concedido na actualidade”.

Dous obradoiros benefician a 36 ribadenses

Vega explica que “en Ribadeo estase a desenvolver un obradoiro dual denominado Alén do Camiño que conta cun orzamento de máis de 336.000 euros para a formación de 20 alumnos-traballadores dando emprego tamén a outras catro persoas que desenvolven tarefas docentes e de administración”. E, por outra banda, cun investimento de 180.000 euros, desenvolvese o taller de garantía xuvenil Doc-Tic III cun total de 16 mozos e mozas menores de 30 anos que tamén conta con persoal docente e de administración.

0.099172830581665