O PP de Ribadeo lamenta que Fernando Suárez non solicitara os cursos de formación gratuítos para socorristas

TerraChaXa | AMariñaXa
Daniel Vega asegura que “xa está ben de botar as culpas a outras administracións da falta de organización do Goberno ribadense”.
19 Xuño 2019

Daniel Vega asegura que “xa está ben de botar as culpas a outras administracións da falta de organización do Goberno ribadense”. Así o manifesta o deputado no Parlamento galego e portavoz popular de Ribadeo en relación ás críticas de Suárez Barcia aos requirimentos da Xunta de cara á contratación de persoal para o servizo de salvamento nas praias cando “é de competencia municipal e, aínda así, a Xunta apoia aos Concellos financiando a contratación de socorristas e tamén a formación destes profesionais de forma totalmente gratuíta previa solicitude das entidades locais”.
Vega lamenta que “Fernando Suárez non solicita esta formación, desaproveita esa oportunidade e aínda por riba bótalle a culpa á Xunta cando a administración autonómica imparte tódolos anos accións formativas dirixidas preferentemente a persoas desempregadas sen que lle custe nin un só euro ao Concello nin ao alumnado participante”. Estes cursos, que dan dereito a obter o certificado de profesionalidade que habilita a exercer a actividade de socorrista, “pretenden, precisamente, contribuír a paliar a carencia de candidatos”, explica.
O popular pon como exemplo outros Concellos da Mariña como é o de Xove onde “non teñen ningún problema para a contratación de socorristas porque previamente teñen solicitado e impartido o curso de formación esixido”.
Daniel Vega cre que “Suárez Barcia non fixo o traballo que lle correspondía” e, polo tanto, deixa claro que “de producirse algún problema durante o verán nos areais ribadenses, o único responsable será o propio Suárez Barcia”, conclúe.

0.1821448802948