O PP de Ribadeo propón construír un centro de día para maiores na antiga escola de Cedofeita
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, propón construír un centro de día para maiores na antiga escola de Cedofeita.
Daniel Vega explicou que a proposta consiste en “converter a escola de Cedofeita nunha Casa do Maior, un centro de día para todo o rural do interior do municipio, para que todas as persoas maiores que viven nesta zona teñan un punto de encontro dedicado a elas. Converter este inmoble nun centro de día e dotalo dun servizo de transporte público para achegar aos usuarios a esas instalacións é dar un paso máis en defensa do rural e tamén das nosas persoas maiores”.
O alcaldable do PP ribadense engadiu: “temos que seguir apostando claramente polas actividades para os maiores no rural, como os talleres de memoria ou a ximnasia, e ademais incrementalas con outras como cursos de saúde, nutrición, etcétera”.