O PP de Ribadeo sinala ao goberno local como responsable de que o ascensor do colexio non funcione

TerraChaXa | AMariñaXa
O PP de Ribadeo sinala ao Goberno local como responsable de que o ascensor do colexio non funcione
21 Nov 2020

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, sinala ao goberno local como responsable de que o ascensor do colexio público ribadense leve tres meses sen funcionar “cando hai alumnos que o precisan”.

Vega explica que “ante unha necesidade que presenta a comunidade educativa de Ribadeo, a Xunta responde executando a instalación do ascensor no centro atendendo á normativa de accesibilidade estatal e autonómica e investindo 40.000 euros nas obras que están rematadas dende fai tres meses”. Pola contra, “o goberno local do BNG pon atrancos para a súa posta en funcionamento”. Dende o goberno local néganse a dar de alta a instalación en Industria a nome do Concello que é o seu titular, segundo a normativa vixente; e, pola contra, pídenlle á consellería de Educación dala de alta ao seu nome”.

O popular aclara que “o titular do edificio no Catastro é o Concello”. O edificio non é da Xunta porque “non consta no Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Así llo vén de trasladar a consellería de Cultura, Educación e Universidade ao alcalde apuntando que “a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación determina na disposición adicional décimo quinta, apartado 2, que a conservación, o mantemento e a vixilancia dos edificios destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria ou de educación especial corresponden ao municipio”. E, de igual xeito, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local tamén recolle no seu artigo 25.2 estas, entre outras, como competencias propias das administracións locais para estes edificios de titularidade local”.

Así mesmo, o artigo 5.1 do Real Decreto 88/2013, de 8 de febreiro, polo que se aproba a Instrución Técnica Complementaria AEM 1 "Ascensores" do Regulamento de aparatos de elevación e manutención, aprobado polo Real Decreto 2291/1985, de 8 de novembro establece que “o responsable de manter o ascensor en bo estado de funcionamento é o seu titular, é dicir, o seu propietario”, conclúe Vega.

0.14823913574219