O PP de Trabada critica ao Goberno local "por cobra sen atender ao Concello"
O PP critica que “dúas persoas do goberno local de Trabada cobren salario público e ningunha atenda ao Concello”. Os populares dan así voz ás queixas dos veciños “molestos” pola desatención do goberno local ao Concello.
O voceiro popular, José María Fernández, critica que “a alcaldesa non atende ao Concello como prometera durante a campaña electoral”; senón que exerce como deputada no Goberno provincial polo que percibe unha dedicación exclusiva. Pero a isto hai que engadir que “a tenente de alcalde tampouco o está a atender a pesar de percibir dous salarios públicos: un como profesora substituta nun centro doutra provincia e outro pola dedicación parcial do Concello”.
“Ademais da falta de atención aos veciños na propia Casa do Concello porque as dúas persoas que cobran do diñeiro de tódolos veciños non están pendentes como deberían, tamén se pode apreciar esta desatención no descoido dos espazos públicos e na falta de proxectos e obras no noso Concello”, denuncia.
Fernández sinala que “o Grupo Municipal Popular votou a favor da dedicación parcial porque ten que haber no Concello alguén do goberno que atenda aos veciños”; pero, ante esta situación, pide que “a tenente de alcalde renuncie á dedicación parcial durante o período no que estea a facer unha substitución nun centro educativo de fóra da provincia. Non é moi ético estar cobrando do Concello e, por estar lonxe do Concello, non prestar a atención que os veciños precisan”, engade.
O voceiro popular sinala, neste sentido, que “eses recursos públicos se podían dirixir a cubrir as necesidades que poidan presentar os nosos veciños, moi especialmente nestes momentos de crise derivada da pandemia da covid-19”.