O PP de Vilalba acusa á alcaldesa de "mala xestión" no arranxo da cuberta do pavillón

O PP de Vilalba denuncia a situación na que se atopa o pavillón polideportivo municipal, "que segue a presentar graves deficiencias malia que a alcaldesa presumise hai poucos meses do arranxo parcial da cuberta", financiado cunha axuda da Xunta de Galicia.
Desde o Grupo Popular lembran que estas obras se executaron sen o debido control nin supervisión técnica necesarios, o que provocou que, a día de hoxe, o pavillón continúe sufrindo goteiras. “Esta situación xa tivo consecuencias directas, como a suspensión de partidos e actividades deportivas previstas nas instalacións municipais que tiveron que celebrarse noutros municipios”, denuncian.
“Non é de recibo que unha localidade como Vilalba, a intensa actividade deportiva e cun gran número de equipos, teña que trasladar as súas competicións a concellos limítrofes por culpa da mala planificación e da falta de rigor do goberno local”, sinalan.
Un dos exemplos é o equipo feminino que tivo que desprazarse a Outeiro de Rei, o 25 de xaneiro, para xogar o seu partido coma local e que tamén afecta ao encontro, previsto inicialmente para hoxe, de semifinais da Copa Galicia de fútbol sala. “As goteiras fan que a pista non estea en condicións óptimas para xogar, polo que non houbo outro remedio que aprazar o partido ao mes de marzo”, denuncian.
Desde o Grupo Popular agardan que a climatoloxía acompañe para evitar unha nova suspensión ou a necesidade de buscar unha localización alternativa, “algo que sería perfectamente evitable cunha xestión seria e responsable das instalacións deportivas municipais”.
O Grupo Popular de Vilalba considera que este novo episodio é unha mostra máis da mala xestión do goberno local liderado pola alcaldesa, Marta Rouco, e esixe explicacións e solucións inmediatas para garantir unhas instalacións deportivas dignas, seguras e acordes ás necesidades do deporte vilalbés.