O PP de Vilalba acusa a Marta Rouco de non ver os prexuízos que causa eliminar aparcamento co proxecto de obra do Campo da Feira

O PP afea a intención do goberno local de PSOE e Vilalba Aberta de “desvestir un santo para vestir outro”. Os concelleiros populares cren que “é posible unha ubicación máis idónea para o proxecto da zona de ocio infantil sen eliminar prazas de aparcamento no Campo da Feira”.
Así, o PP vilalbés levará ao próximo pleno o cambio de ubicación deste proxecto impulsado pola alcaldesa sen ter en conta os prexuízos que provoca nunha zona que se empregaba como aparcamento. “Marta Rouco o que presentou foi un proxecto para eliminar prazas de aparcamento, sen aportar outra solución a esta necesidade”.
Os populares lamentan que “a alcaldesa presente un proxecto para facer ver que fai algo, pero que non se preocupe nin o máis mínimo en ter en conta as necesidades reais e a opinión da sociedade vilalbesa á hora de levar a cabo este tipo de cambios nos usos tradicionais dos espazos de Vilalba”.
Dende o PP local cren que “os socialistas só atenden aos seus caprichos, non ás prioridades dos veciños e veciñas” como son unhas vías de comunicación en bo estado para facilitar a mobilidade nas parroquias ou a prestación de servizos públicos básicos.
O PP de Vilalba lembra que “o goberno municipal despilfarrou millóns na piscina da Madalena cando xa existía un recurso acuático en funcionamento ou na rúa da Pravia con varios cambios de sentido, fochancas e problemas de caídas”.