O PP de Vilalba acusa ao Goberno de falta de mantemento das infraestruturas urbanas
O PP de Vilalba advirte que “unha parte do goberno local, Vilalba Aberta, recoñece a falta de mantemento en infraestruturas que son titularidade do Concello” nun intento por “pasar as culpas a outros” que vén a “evidenciar as diferenzas entre ambas partes do goberno bipartito que conforman co PSOE”.
Os concelleiros do Partido Popular inciden en que, ante o mal estado do campo de fútbol da Madalena, o auditorio municipal ou o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), “o mantemento nos últimos anos das infraestruturas de titularidade municipal por parte do goberno local foi nulo”.
“A falta de preocupación do goberno local polo mantemento e conservación das infraestruturas que son titularidade do Concello, e que ata agora se mantiñan en boas condicións para garantir a seguridade dos usuarios, evidénciase na partida orzamentaria dirixida a esa finalidade e que se reduce ano tras ano”, indican.
Dende o PP local agardan que “o goberno local tome decisións e adopte medidas para mellorar o estado do campo de fútbol e do auditorio -dúas infraestruturas moi empregadas por clubs e asociacións- e que non faga igual que co MUPAV, que o deixou desaparecer sen facer nada”.
Os populares xa teñen advertido en numerosas ocasións da necesidade de levar a cabo tarefas de conservación e mantemento para manter en boas condicións as infraestruturas municipais. De feito, sinalan que “o noso Concello dispón de infraestruturas importantes que colocaban a Vilalba como referente no ámbito deportivo e cultural; e non só na comarca da Terra Chá da que é capital, senón incluso da provincia”.
O Partido Popular aposta por “manter o patrimonio do Concello”, que é de tódolos vilalbeses, e “priorizar as actuacións necesarias” para garantir o correcto funcionamento do que xa está en marcha “en lugar de investir en grandes obras faraónicas que substitúan o que xa había e que, aínda por riba, saen mal”.
Os populares poñen como exemplo da “mala xestión do goberno local” a obra de renovación da rúa da Pravia: “tan só ano e medio despois da obra na que se gastaron 1,2 millóns de euros xa hai que arranxar as fochancas. Un proxecto desa magnitude non debería estar nesa situación”.
“A falta de mantemento da que fala o edil de Urbanismo tamén se aprecia nas obras novas que non son capaces de mantelas nun período breve de tempo”, conclúen.