O PP de Vilalba acusa ao Goberno de non ter previsto arranxar a N-634 e o acceso ao polígono

TerraChaXa
Os populares condenan, unha vez máis, “o desprezo de Sánchez á provincia” toda vez que a resposta se limita a “falar de mantemento no tramo da Coruña, pero non no de Lugo”
estado-acceso-poligono
18 Mar 2026

O Goberno de Sánchez recoñece, en resposta oficial ás preguntas dos senadores do PP lucense, que “non ten previsto arranxar a N-634 na provincia de Lugo nin tapar as fochancas do acceso ao polígono de Vilalba”.

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano formularon ante o Executivo estatal preguntas sobre a situación desta vía e, máis concretamente, sobre o viario da variante da N-634 dende Baamonde de acceso ao polígono de Vilalba a petición do PP local.

“O seu pésimo estado, con fochancas e o danos no firme que supoñen un serio perigo para condutores e transportistas, é un claro exemplo das deficiencias e o constante deterioro da rede viaria de titularidade estatal na provincia”, manifestan.

Ante a resposta do Goberno de España "que se limita a falar de accións de mantemento pero no tramo da Coruña e non no de Lugo"; os populares condenan, unha vez máis, “o desprezo de Sánchez á provincia de Lugo en xeral e, máis concretamente, a falta de atención ás vías de comunicación da súa competencia no noso territorio”.

Os senadores populares tamén rexeitan “as escusas do Goberno de Sánchez” porque “o mal estado das estradas nacionais na provincia non se debe aos temporais dos últimos meses en Galicia, senón a anos de abandono”.

0.12627005577087