O PP de Vilalba acusa ao Goberno local de abandono das instalacións
O Partido Popular de Vilalba lamenta que “o goberno local socialista descoide o mantemento das infraestruturas públicas que xa existían antes da súa chegada ao consistorio” e que “só mostre interese por aquilo que el promove”. Nese sentido, urxen ao goberno municipal a “realizar un correcto mantemento de tódalas infraestruturas municipais” reforzándoo nesta época de primavera e verán na que se prevé un maior uso dos recursos públicos ao aire libre.
Os populares poñen como exemplo do abandono por parte dos responsables municipais o “deteriorado estado no que se atopa dende fai meses o parque infantil situado na Alameda Basanta Olano”. A este respecto explican que “todos os parques infantís deben recibir o oportuno mantemento” porque “todos os nenos e nenas de Vilalba merecen desfrutar con liberdade e, sobre todo, con seguridade de calquera dos parques públicos infantís cos que conta o noso municipio”.
Dende o PP local explican que “outros parques infantís están en funcionamento na actualidade” e, polo tanto, cren que “deberían estar en condicións óptimas tódolos parques dos que dispón Vilalba”.
“Esta imaxe de descoido non debe ser unha imaxe representativa do noso pobo”, segundo consideran. Nese sentido, critican tamén “o mal estado doutras infraestruturas municipais que empregan frecuentemente os vilalbeses como é o caso do paseo da área recreativa da Madalena” que presenta zonas de desprendementos e mobiliario estragado.