O PP de Vilalba acusa ao goberno local de "desprezo ao rural"

TerraChaXa
Os populares condenaron “a falta de control das obras” ante o mal estado da pista de Bidueiros, en Goiriz,
campo de futbol rioaveso vilalba
29 Xan 2022

O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena tralo pleno deste xoves “o desprezo do goberno do PSOE ao rural e, polo tanto, aos veciños das parroquias. É que o PSOE votou en contra das iniciativas coas que os populares reclamaron solucións ás necesidades do rural". Unha delas era un plan de reparación e mantemento da rede viaria municipal para corrixir “o lamentable estado destas pistas que se aprecia pasando por elas e ante o que o goberno local non fai nada por solucionar”. Tamén reclamaron un plan de axudas para arranxar as instalacións deportivas rurais ao que o goberno do PSOE se opuxo.

A voceira, Sandra Vázquez, chamou a atención sobre “a falta de xestión” ao non dispoñer de presuposto municipal e prorrogar o elaborado polo anterior goberno no 2019 e tamén sobre “a falta de control sobre as obras que se executan”. Neste caso puxo como exemplo a situación da estrada de Bidueiros, en Goiriz, que se atopa en mal estado a poucas semanas de ser reparada.

Do mesmo xeito, a popular lembra que tamén se atopan en mal estado “varias estradas de titularidade provincial coma a que comunica Distriz e Belesar, Alba co concello limítrofe de Guitiriz ou a que da acceso á parroquia de Carballido”. Nese sentido, Vázquez considera que “xa que a Deputación inviste 1 millón de euros en facer unhas piscinas despois de derrubar o parque acuático xa existente, tamén estaría ben que dirixisen orzamento a reparar as vías da súa titularidade que pasan polo noso concello”.

Plan de mobilidade “escondido” e decisións “unilaterais”

Vázquez lamenta que o goberno local continúe sen amosar os informes nos que se baseou para implantar a dirección única na rúa da Pravia nin o Plan de Mobilidade ao que fan referencia para comezar a implantar a zona azul no casco urbano: “segue escondido”. Así mesmo, a popular advirte da inquietude entre os veciños pola “inaccesibilidade” ao aparcadoiro da rúa das Pedreiras.

Sobre o caos circulatorio, Vázquez puxo como exemplo que “un turista me preguntou na rúa da Pravia como tiña que facer para chegar ao Parador que está a uns metros; pero, ao ir en coche, tivo que facer un percorrido mínimo de 1,7 km”.

En relación á mobilidade, o Grupo Municipal Popular o que pide é “consenso social e político antes de adoptar medidas de forma unilateral por parte do goberno local”.

Igualmente condenan que “tamén de forma unilateral o goberno do PSOE cambiase dos documentos o escudo oficial por un novo deseño baseado na Torre dos Andrade -propiedade de Patrimonio Histórico do Goberno de España- en cor vermella”. Nese sentido, lamenta que “agora nos represente un logo en lugar do escudo, tal e como explicou a alcaldesa”. 

0.14890193939209