O PP de Vilalba acusa ao Goberno local de utilizar un "ecoloxismo do formigón" nas novas obras

O PP critica “o ecoloxismo de formigón” do bipartito de PSOE e Vilalba Aberta na avenida Terra Chá e advirte dun novo “despilfarro do diñeiro público” toda vez que “reduce o número de prazas de aparcamento”.
Os populares aseguran que “é positivo para Vilalba captar subvencións, veñan de onde veñan”; pero cren que “falta sentido común no goberno vilalbés á hora de propoñer actuacións”. Nese sentido, aseguran que “ninguén entende ese ecoloxismo de formigón que, ademais, resta servizos aos vilalbeses”.
Os concelleiros do PP sinalan que “a anunciada como zona verde de verde non ten absolutamente nada porque está invadida de formigón” no que consideran “unha aberración urbanística” que, ademais, “dificulta a entrada nos solares”.
O Partido Popular de Vilalba xa ten advertido da “práctica habitual” do bipartito de PSOE e Vilalba Aberta de “tirar co diñeiro de tódolos veciños e veciñas”. Primeiro enterraron un millón de euros nas obras de modernización da rúa da Pravia que non para de acumular problemas e supuxo un prexuízo para os establecementos comerciais e, incluso, tiveron que consignar diñeiro de tódolos vilalbeses varias veces para cambiar o sentido do tráfico rodado “por decisións políticas”.
E recentemente os populares poñían tamén como exemplo de “despilfarro” a execución de labores de asfaltado en pistas do rural nun día de inverno e de moita choiva como fixo na pista da Frouxeira ata o cemiterio, en Sancovade, cando levaban seis meses paradas.
Os populares insisten en que “as obras deben servir para prestar un correcto servizo aos veciños e veciñas, non para facer unha foto dun día. O que lle pedimos ao goberno é que goberne, pero con este proceder o que demostran é que non teñen proxecto e invisten para poder sacar unha foto e dicir que fixeron algo”.