O PP de Vilalba acusa de desidia ao Goberno local na mellora das instalacións deportivas
O Grupo Municipal do PP de Vilalba contrapón "a falta de previsión e desidia do bipartito local coa implicación da Xunta na mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal". Así o poñen de manifesto os concelleiros populares despois do pleno extraordinario deste venres no que apoiaron a aprobación da obra da reparación da cuberta do pavillón municipal ao considerala “moi necesaria”.
Así, destacan que “do total dos máis de 74.000 euros, a Xunta aporte 50.000 euros a través dunha subvención ao Concello para a mellora de instalacións deportivas da man dunha segunda convocatoria neste ano”. Os populares inciden na “implicación da Xunta” mentres que condenan “as escusas do goberno por non ter pedido a axuda da Xunta na primeira convocatoria, no mes de marzo”.
A portavoz, Sandra López, alégrase de que “servise para poñerse as pilas a crítica que fixemos no seu día, en xullo deste ano, sobre a perda da oportunidade que supuxo que o goberno local non solicitara esta axuda na convocatoria do mes de marzo a pesar de ser coñecedores de que o inverno pasado xa chovía no pavillón municipal”.
Para os populares, que pediron explicacións no pleno, “non serven as escusas de falta de tempo para elaborar o proxecto” porque “se non o había feito quere dicir que non tiñan interese en arranxar as súas deficiencias”. En cambio, “se aproveitaran a primeira oportunidade, poderían ter solucionado o problema aproveitando os meses de primavera e verán; pero agora bótaselles o inverno enriba e os usuarios volverán a sufrir os mesmos problemas que o inverno anterior”.
López defende “unha xestión dende a previsión e a programación: non se pode xestionar dende a improvisación”, matiza.
PAVILLÓN DO CEIP INSUA BERMÚDEZ
Os problemas cos pavillóns de deportes esténdense tamén ao do CEIP Insua Bermúdez que, tal e como explican os veciños, ten goteiras. Os populares sinalan que “o mantemento lle corresponde ao Concello; pero o goberno local non o está a facer”. É máis, “as instalacións deportivas están feitas un desastre porque as deixan abandonar de todo”. Unha vez nese estado precisan obras máis ambiciosas; pero “non é o mesmo facer pequenas reparacións que levar a cabo grandes obras”. En todo caso, urxen a darlle solución a este problema para garantir a seguridade dos seus usuarios.
DEFICIENCIAS NA OBRA DA RÚA DA PRAVIA
Coa chegada das chuvias tamén se están a apreciar deficiencias nas obras da rúa da Pravia: “por non ter capacidade de drenaxe suficiente inundáronse locais, sotos e vivendas, ademais de volverse intransitable as beirarrúas”.
“É lamentable esta situación, tendo en conta que o goberno socialista vilalbés gastou máis dun millón de euros nesta obra. Unha obra faraónica que, lonxe de aportar beneficio e benestar, está a provocar problemas e dificultades”, explica a voceira.
É por iso polo que dende o Grupo Municipal Popular insta ao goberno local a “tomar medidas para solucionar esta situación que están a sufrir os nosos veciños e veciñas”.