O PP de Vilalba advirte do "pésimo estado" dos pasos de peóns

TerraChaXa
O Partido Popular de Vilalba advirte do “risco que supón o pésimo estado dos pasos de peóns” e urxe ao seu pintado
pasos de peons vilalba4
11 Xul 2022

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, advirte do pésimo estado no que se atopan os pasos de peóns no casco urbano de Vilalba debido á falta de mantemento por parte do goberno local. “Algúns deles están practicamente despintados na súa totalidade”, explica.

Vázquez considera que “esta situación pode supoñer un risco para as persoas que se dispoñan a cruzar se os condutores non chegan a apreciar a existencia dun paso de peóns”. Neste sentido, a popular considera que “a situación podería corrixirse facilmente se o goberno local socialista tivese vontade e capacidade de xestión”.

O Grupo Municipal Popular xa advertira situación na que se atopan os pasos de peóns no último pleno. Os concelleiros presentaron un rogo instando ao goberno a executar un novo pintado dos pasos de peóns.

A voceira dos populares lembra que “os socialistas presumen nas redes sociais do Concello da súa aposta pola seguridade viaria” e tamén de “dar prioridade aos peóns no casco urbano”, consigna na que se amparan para defende o seu proxecto para a conversión da rúa da Pravia nun bulevar dun único sentido. Un proxecto para o que o PSOE non contou coa opinión e, moito menos, co consenso dos afectados: os veciños e comerciantes”.

Para Vázquez “a realidade é que, a pesar das súas declaracións de intencións, os vilalbeses podemos apreciar que non son capaces de xestionar pequenas tarefas como as que permitan manter en bo estado os pasos de peóns”. Tamén atopamos outros exemplos, sen saír do casco urbano, “nas beirarrúas que acumulan malas herbas ou noutros espazos públicos que están sen rozar.

Polígono industrial

“O mesmo acontece no polígono industrial Sete Pontes a pesar de que tanto a asociación de empresarios coma o Grupo Municipal Popular levamos tempo advertindo da situación”, explica Vázquez en relación ao mal estado da sinalización horizontal e da falta de limpeza.

O Grupo Municipal Popular xa trasladara ao goberno local durante o último pleno a necesidade de desenvolver un plan de sinalización viaria e de levar a cabo a limpeza das beirarrúas, o bacheo nas vías de comunicación, o desbroce nas zonas que se encontran en pésimo estado e a limpeza da rede de  sumidoiros.

0.17361497879028