O PP de Vilalba aposta polo correcto mantemento das infraestruturas deportivas
O PP de Vilalba concorda coas entidades deportivas do municipio sobre a necesidade de “manter en boas condicións as infraestruturas deportivas e convocar as subvencións -tanto nominativas coma as de concorrencia competitiva- que concede o Concello a comezos de ano para que sexan útiles para as entidades”.
A candidata á alcaldía, Sandra Vázquez, recolleu inquedanzas e propostas durante dúas xuntanzas con responsables de entidades deportivas do municipio “moi frutíferas” e que se desenvolven no marco dunha rolda de reunións cos vilalbeses e vilalbesas para “escoitalos de preto e telos en conta á hora de confección o proxecto dos populares para Vilalba”.
A popular lamenta a “total desorganización e falta de planificación do goberno socialista” en relación ao deporte que deriva nunha “falta de mantemento das infraestruturas municipais como son o campo de fútbol da Madalena, o pavillón municipal ou o auditorio” e na tardanza á hora de convocar as axudas de forma que “non resultan útiles para os clubs” porque “a finais de ano xa teñen feito os gastos relacionados coa súa actividade”.
Sandra Vázquez lembra que “recentemente puidemos comprobar o mal estado do terreo de xogo do campo da Madalena e coñecemos as consecuencias das goteiras no pavillón. Tampouco está en bo estado de conservación o auditorio que, ademais de entidades culturais, é empregado por clubs deportivos. Vilalba non se pode permitir deixar estragar as infraestruturas municipais coas que contamos”, explica. Así mesmo, incide -como xa teñen manifestado en numerosas ocasións os populares- en que “o Concello debe sacar as axudas ás asociacións a comezos de ano para facilitar as súas actividades. Así o defende o Partido Popular de Vilalba. É cuestión de vontade”, engade.
A alcaldable agradece “o esforzo e labor social” dos clubs e entidades deportivas de Vilalba e, de forma especial, que “responderan á chamada do PP de Vilalba para coñecer de preto as súas necesidades”. Nese sentido, comprométese a “seguir escoitando” ao ámbito do deporte; así coma ao resto da sociedade vilalbesa porque, “entre todos, facemos grande o noso concello”.