O PP de Vilalba condena "a falta de vontade" para sacar adiante os orzamentos

TerraChaXa
Os populares de Vilalba condenan a “falta de vontade da esquerda” para sacar adiante os orzamentos municipais
casa do concello de vilalba
9 Abr 2022

O Grupo Municipal Popular de Vilalba lamenta “a nula vontade e a total falta de interese do goberno local por atender as necesidades actuais dos veciños”; así coma “a total carencia de proxecto para desenvolver o futuro de Vilalba por parte do goberno socialista”. Así o manifesta a voceira, Sandra Vázquez, tralo pleno celebrado este xoves no que o PSOE votou en contra da proposta dos populares para a elaboración dun anteproxecto dos presupostos municipais para este ano 2022 co que poder dialogar para tratar de chegar a un acordo de cara á súa aprobación.

“Ningún dos dous partidos da esquerda teñen vontade para sacar adiante os orzamentos municipais”, engaden os populares. “Vilalba Aberta recordou que non ten intención de chegar a acordos co Partido Popular”, explica a voceira. “E todo a pesar de ver a parálise do Concello do que son cómplices por apoiar cos seus votos que Elba Veleiro fose alcaldesa”.

“O que vimos é que hai un divorcio entre o PSOE e Vilalba Aberta. De cando en vez Vilalba Aberta cede a ese amor incondicional co Partido Socialista, pero o PSOE mira para outro lado e só lle tende a man cando realmente lle interesa”, subliña Vázquez. “E como resultado, os veciños temos que sufrir as consecuencias de que a esquerda non sexa capaz de sacar adiante uns orzamentos despois de 33 meses de goberno pola súa inoperancia. O Concello conta na actualidade cos orzamentos prorrogados que elaborara o anterior goberno do PP e que, no seu momento, contaron co voto en contra das outras dúas forzas”.

“Os socialistas teñen manifestado que o seu socio preferente é Vilalba Aberta, pero  non son capaces de poñerse de acordo en temas relevantes para o futuro de Vilalba”. Nese sentido, os populares pregúntanse “por que non se poñen a traballar se a pelota está no tellado destas dúas formacións”.

Ademais dos orzamentos, o goberno local mantén paralizado o PXOM, a RPT, a licitación do contrato de recollida do lixo ou a ampliación do polígono. Pero, ademais, “perdeu axudas doutras administracións. Despois de perder unha axuda da Xunta dirixida ás obras da rúa Calvario, agora perden outra da Deputación Provincial -da súa mesma cor política- para financiar as obras de acondicionamento do cruce da rúa da Emigración por un importe de máis de 43.000 euros”, explica a popular. “E, ademais de perder axudas pola súa mala xestión, malgastan 1 millón de euros en destruír un parque acuático que xa estaba en funcionamento para volver a construír outro”, incide Vázquez.

Anuncios que son “globos sonda”

O Grupo Municipal Popular pediu a comparecencia do goberno local en relación ao anuncio da compra dun solar, pero non tivo resposta. “O que pretendíamos é que o goberno local informase á cidadanía dos pasos dados e como prevén realizar esa compra; así coma explicar o proxecto para o centro de día e a forma para o seu financiamento. Cremos que o anuncio do goberno local sobre o centro de día é un globo sonda porque non existe proxecto ningún”, subliña a voceira.

“Tiñan a oportunidade de explicarse, pero o que fixo o PSOE, tal e como estamos acostumados, foi escusarse, non querer falar do tema ou culpabilizar aos 40 anos nos que o Partido Popular estivo no goberno”. Polo tanto, Vázquez cre que “miran máis aos 40 anos anteriores que aos tres que levan no goberno sen facer nada ou cara ao futuro do noso municipio”.

0.1917622089386