O PP de Vilalba considera insegura a parada do bus escolar da Pravia
A presidenta da xestora do PP vilalbés, Sandra Vázquez, denuncia “a falta de seguridade que supón para os nenos e nenas que asisten aos colexios do rural ter que coller o bus na calzada” debido a que “a zona habilitada e sinalizada como parada para o autobús escolar está ocupada por contedores do lixo”.
O autobús non ten espazo suficiente para acceder á zona de carga e descarga de pasaxeiros e, polo tanto, non se cumpren as condicións de accesibilidade e seguridade para os seus usuarios. De feito, “só contan co apoio da persoa coidadora; xa que tampouco está presente a Policía Local á hora na que os nenos e nenas soben ou baixan do autobús”.
A popular sinala, a este respecto, que “esta desacertada decisión do goberno local do PSOE de colocar os colectores do lixo ocupando unha zona empregada a diario polo transporte escolar” supón “un prexuízo para as familias e os nenos e nenas que asisten aos centros educativos situados nas parroquias do rural do municipio: o Ceip Terra Chá de Román e o Ceip Monseivane, en Moreda”.
O PP urxe, polo tanto, ao goberno local a dar solución de forma inmediata a este problema para que “os nenos e nenas dispoñan de espazo suficiente para subir ou baixar do autobús con seguridade”.