O PP de Vilalba considera que o proxecto da Pravia non dá solución aos problemas circulatorios

TerraChaXa
O PP lamenta que “o proxecto para a rúa da Pravia presentado polo goberno local non dea solución ao caos circulatorio que hai en Vilalba”
rua da pravia vilalba
17 Mar 2022

Sandra Vázquez lamenta que “o goberno local non escoite ao veciños; se o fixeran daríanse conta de que esta non é unha actuación prioritaria” trala crise pola pandemia e a actual subida dos prezos.

A voceira do Grupo Municipal do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, lamenta que “o lío circulatorio en Vilalba seguirá existindo trala remodelación anunciada polo goberno local para a rúa da Pravia” porque “continuará sendo unidireccional”.

Os populares lamentan que “o goberno local non escoite ao veciños. Se o fixeran daríanse conta de que esta non é unha actuación prioritaria para os vilalbeses”. Con todo, “non nos sorprende que non os escoite porque tampouco o fixo á hora de facer de sentido único esta rúa de forma provisional despois de estar pechada uns días ao tráfico rodado tralo incendio da Casa das Maragatinas. Non consultaron a ninguén e cando se reuniron cos veciños na Casa da Cultura limitáronse a dicir que era una medida provisional”. É máis, “o goberno socialista di apoiarse nun plan de mobilidade que non foi consultado nin a nivel social nin político. O colectivo empresarial de Vilalba coñeceu este proxecto a través de YouTube. Iso di moito sobre o tipo de contacto que o goberno local mantén cos vilalbeses”.

Vázquez explica que “non estamos a favor da dirección única” porque “o obxectivo do PP, que é un partido de goberno, non é crear máis problemas aos veciños”.

Prioridades

Os populares entenden que “a renovación do saneamento si é unha actuación prioritaria. De feito, o reforzo dos servizos básicos; ademais do apoio ao asentamento de empresas no municipio e, máis concretamente, no polígono Sete Pontes; o mantemento das pistas municipais en bo estado ou o apoio aos autónomos deberían ser as prioridades do goberno local. Trala crise derivada da pandemia da covid e coa actual situación de subida de prezos (luz, combustibles e compra), non consideramos prioritario gastar preto dun millón de euros na remodelación da rúa da Pravia e outro millón máis en tirar o parque acuático da Madalena”.

Vázquez considera que “son diversas as necesidades de Vilalba e dos vilalbeses; pero en lugar de atendelas, o goberno local prefire investir en adornos para o casco urbano e manter abandonadas as parroquias que constitúen a maior parte do noso municipio”.

0.14560294151306