O PP de Vilalba continúa coas reunións cos veciños das parroquias este luns en Goiriz

TerraChaXa
O PP de Vilalba continuará en Goiriz coas reunións cos veciños das distintas parroquias, segundo planificou o comité executivo do partido.
reunion comite executivo pp vilalba
20 Out 2022

O PP de Vilalba reunirase o vindeiro luns 24 de outubro cos veciños e veciñas de Goiriz. Así o deu a coñecer a presidenta, Sandra Vázquez, trala última reunión de traballo do comité executivo na que deseñaron un calendario de reunións, visitas e actividades para os vindeiros meses.

O PP vilalbés continúa deste xeito coas reunións que están a manter de xeito periódico cos veciños das distintas parroquias para informar de asuntos de interese e escoitar as súas necesidades e propostas. “É indispensable estar en contacto directo cos vilalbeses e por iso continuaremos a manter tamén reunións con entidades sociais, culturais, deportivas ou empresariais que forman parte do noso municipio e, polo tanto, da nosa identidade como pobo”, subliña Vázquez.

Os populares tamén manterán reunións cos seus afiliados e colaboradores das distintas zonas do municipio os xoves dende o día 20 de outubro ata o 17 de novembro. Así mesmo, a presidenta lembra que “a nosa sede está aberta os xoves pola tarde”.

Xestión caótica do goberno socialista

A popular explica que “seguiremos moi pendentes do que pasa ao noso redor para seguir trasladando iniciativas e buscando solucións aos problemas actuais dos vilalbeses”.

Nese sentido, a través do Grupo Municipal, os populares continuarán defendendo na corporación local as súas ideas e propostas en beneficio de Vilalba e dos vilalbeses e, por suposto, desenvolvendo o seu labor como oposición, o de fiscalizar a actividade do goberno municipal: “un goberno socialista en minoría cunha xestión caótica que non foi capaz de presentar sequera un borrador de orzamentos municipais dende que chegou á alcaldía, que perde subvencións, que deixa á súa sorte unha das principais instalacións culturais vilalbeses como é o MUPAV, que ten paralizado o PXOM, a RPT, a ampliación do polígono, o contrato do lixo en situación de alegalidade, as subvencións sen convocar, etc.”.

0.16000199317932