O PP de Vilalba critica ao Goberno local por facer obras de asfaltado chovendo

O Partido Popular de Vilalba lamenta que “o goberno bipartito tire o diñeiro de tódolos veciños e veciñas” tras acometer labores de asfaltado en pistas do rural nun día de inverno e de moita choiva como fixo na pista da Frouxeira ata o cemiterio, en Sancovade, nos últimos días.
Os populares amósanse críticos con este de tipo de xestión por parte do PSOE e Vilalba Aberta, a quen lle recae a responsabilidade da área rural, que cualifican de “chapuza”. Nese sentido, lamentan que “o goberno local tivera paradas durante máis de 6 meses obras aprobadas en marzo esperando a comezar os traballos en pleno inverno”.
Os concelleiros do PP subliñan que “son moitas as necesidades de mellora nas pistas das parroquias dos nosos municipais debido a anos acumulados de desatención por parte dos gobernos socialistas e de coalición”.
Os populares defenden que “este tipo de traballos se teñen que planificar para poder levalos a cabo en períodos máis secos”. De feito, os concelleiros levan tempo reclamando un plan municipal ordenado, que atenda a criterios de necesidade e que recolla actuacións de asfaltado na primavera e no verán”.
“Asfaltar nun día de inverno como estes últimos é tirar os cartos e recursos de tódolos vilalbeses. Todos somos conscientes de que, nesas condicións, o resultado non pode ser aceptable e, o máis probable, é que a vía volva a presentar mal estado nun período breve de tempo”, indican.
Os concelleiros do PP cren que “as obras deben servir para prestar un correcto servizo aos veciños e veciñas, non para facer unha foto dun día”. Nese sentido, convidan ao goberno bipartito a “planificar e traballar máis” porque o que está a demostrar con accións coma esta é que “non está para gobernar”.