O PP de Vilalba critica "os dous anos perdidos polas disputas da esquerda"

TerraChaXa
Os populares lamentan que “Vilalba leve dous anos perdidos polas disputas entre a esquerda e a incapacidade do goberno local para chegar a acordos”.
pacto psoe vilalba aberta
6 Ago 2021

Os populares lamentan que “Vilalba leve dous anos perdidos polas disputas entre a esquerda e a incapacidade do goberno local para chegar a acordos”. Este acordo entre o PSOE e Vilalba Aberta para sacar adiante a incorporación de remanentes ratifica que “o goberno socialista é completamente inútil e precisa que Vilalba Aberta saia ao seu rescate”. A este respecto, o Grupo Municipal Popular tamén votou a favor do único punto da orde do día do pleno extraordinario “en beneficio dos intereses dos vilalbeses”.

Os populares subliñan que “o PSOE rectifica ao darse conta de que ten calado na opinión pública a súa incapacidade e abandono e, polo tanto, que camiñaban cara ao abismo”. Desta forma, consideran que “nos da a razón á oposición sobre a necesidade de chegar a acordos. Pensaron que podían gobernar en minoría e agora teñen que rectificar a súa actitude de prepotencia e pactar cun grupo ao que, por certo, botaron do goberno por falta de confianza”, incidiu o portavoz, Agustín Baamonde.

Incompetencia e tardanza

“O proxecto do PSOE está esgotado e tivo que chegar a un acordo con Vilalba Aberta para sacar adiante o que non foi capaz de facer en dous anos. Incluso esta modificación de crédito “é unha demostración palpable da incompetencia do propio goberno local para facer a liquidación do ano 2020 cando se debería, o que supón unha tardanza de máis de sete meses debido á incapacidade para resolver a RPT que deriva na falta de persoal”.

A incorporación de remanentes permitirá dotar de partida orzamentaria ás axudas á hostalería, ao comercio e outros sectores afectados pola pandemia da covid-19 que levan “tamén máis de seis meses de atraso con respecto á data na que foi aprobado en pleno o plan”. Recorda tamén o voceiro do Grupo Municipal Popular que “foi nun pleno extraordinario celebrado a petición dos grupos da oposición no que se aprobaron as súas bases atendendo ao pactado polos tres grupos”. Sobre as achegas da Xunta neste sentido, o popular apuntou tamén que “leva aportado xa aos negocios de Vilalba máis do dobre que o Concello”.

Rectificación sobre actuacións no rural

O crédito incorporado tralo pleno extraordinario dirixirase tamén a acometer actuacións nas parroquias do rural do municipio e para a humanización de lugares do entorno urbano.

Mentres que “o goberno local defende estas actuacións dentro dun programa de progreso e modernización”, Baamonde sinala que “o rebacheo de pistas municipais non se trata trata de ningún cambio radical”. E a este respecto, aproveita para lembrar que “dende a oposición reclamaban o aglomerado de todos os quilómetros de pistas das que é titular o Concello; mentres que agora recoñecen que non é posible actuar en toda a rede viaria municipal”.

Os populares engaden tamén que “hai escasamente unha semana debatiamos no pleno ordinario unha moción coa que reclamabamos actuacións de cara ao progreso das parroquias. Aínda que daquela o PSOE votou en contra, agora coa incorporación de remanentes volven rectificar e dannos a razón á nosa chamada de atención sobre o abandono do rural por parte do goberno local”.

0.18099999427795