O PP de Vilalba critica os partidos de esquerdas polo seu apoio á alcaldesa

O Partido Popular de Vilalba lamenta que, unha vez máis, os partidos da esquerda sigan permitindo que a alcaldesa socialista continúe gobernando sen asumir responsabilidades pola súa forma de actuar no Concello.
Tras o pleno no que non saíron adiante os orzamentos municipais, desde o PP consideran que a situación é consecuencia directa da soberbia da alcaldesa, que decidiu presentar unhas contas sen buscar acordos nin ter en conta as achegas da oposición.
Os populares consideran especialmente contraditoria a postura do BNG, que por unha banda recoñece erros na actuación da alcaldesa e critica a súa estratexia cos orzamentos , pero ao mesmo tempo descarta impulsar calquera alternativa d goberno.
“Non se pode criticar a xestión da alcaldesa e ao mesmo tempo anunciar que non se fará nada para cambiar a situación. Con esa postura, o BNG e Vilalba Aberta están dándolle un auténtico cheque en branco ao PSOE para seguir facendo o que queira no Concello”, sinalan desde o Partido Popular.
Neste sentido, os populares consideran que ambas formacións convértense en cómplices do que faga ou deixe de facer a alcaldesa, permitindo que se sigan tomando decisións sen consenso, que se gasten cartos en cuestión innecesarias e que continúen sen resolverse problemas importantes para os veciños de Vilalba.
O PP insiste ademais en que non vai apoiar uns orzamentos cheos de gastos superfluos que non responden ás necesidades reais do municipio. “Non nos van atopar aprobando uns orzamentos con gastos “chorra” mentres hai cuestións importantes para Vilalba que seguen sen atender”, subliñan.
Finalmente, o Partido Popular lembra que foi a forza máis votada nas últimas eleccións municipais e que seguirá traballando para ofrecer unha alternativa de goberno que permita cambiar o rumbo do Concello e defender os intereses dos veciños de Vilalba.