O PP de Vilalba critica que “coa cláusula de Tragsa haberá que pagar dúas veces polo mesmo servizo”

TerraChaXa
Os PP de Vilalba critica que o goberno local teña aceptado unha cláusula de salvagarda pola que Tragsa lle esixiría unha indemnización
12 Ago 2021

Os populares de Vilalba critican que o goberno local socialista teña aceptado unha cláusula de salvagarda pola que Tragsa lle esixiría ao Concello unha indemnización no caso de que un xulgado determine que deba asumir os impagos da anterior empresa adxudicataria do servizo de limpeza dos colexios ás traballadoras subrogadas que teñen presentado reclamación polos nove meses que levan sen cobrar. Deste xeito, “o Concello pagaría dúas veces polo mesmo servizo, o que xa foi prestado pola anterior empresa adxudicataria á que o Concello xa lle ten pagado”.

Os concelleiros do PP aseguran que “esta situación se debe á incompetencia e falta de xestión por parte do goberno local do PSOE que xa coñecía a realidade da empresa e das traballadoras e, aínda así, non sacou a licitación o servizo cando remataba o contrato no 2019-2020; senón que o prorrogou de facto”. Lamentan, pois, “a tensión social e o malestar do persoal; así coma os prexuízos que poida supoñer para as arcas municipais -e, polo tanto, aos veciños e veciñas- a cláusula asinada con Tragsa”. 

Sobre os custes do servizo, os populares xa teñen manifestado que “Tragsa lle sae máis caro ao Concello que se o prestara algunha das empresas presentadas aos dous procedemento de licitación que quedaron desertos porque, finalmente, todas as empresas rexeitaron a adxudicación; moi probablemente para evitar facerse cargo de posibles responsabilidades co persoal subrogado”. É que “nos contratos das licitacións non se recollía ningún tipo de compromiso por parte do Concello para afrontar indemnizacións ás traballadoras no caso de que o ditaminara o xulgado e, polo tanto, deberían ser as empresas as que se fixeran cargo deses pagos”, segundo explican.

0.20833492279053