O PP de Vilalba defenderá no pleno unha proposta para recuperar o programa 'O Rural Máis Vivo'
Os concelleiros do PP de Vilalba defenderán no vindeiro pleno unha proposta para recuperar neste 2024 o programa ‘O Rural Máis Vivo’ a través do que levar a cabo cursos de temáticas variadas en tódalas parroquias do noso concello.
Este programa foi ideado e posto en marcha polo goberno do Partido Popular en colaboración coa Cruz Vermella co obxectivo de “dinamizar a vida social no rural do noso municipio”.
O programa permitiu achegar talleres de memoria, clases de ximnasia de mantemento e actividade física, cursos de primeiros auxilios ou de autoestima e valoración da muller ás distintas parroquias e “contaba cunha valoración moi positiva por parte dos veciños e veciñas. Pero no ano 2019, coa chegada do PSOE ao goberno deixou de poñerse en marcha e tampouco foi substituído por ningún outra alternativa ou iniciativa similar", din.
“Tras a insistencia do Grupo Municipal do PP, que xa solicitara durante o pasado mandato en diversas sesións plenarias a necesidade e a importancia de reiniciar este programa, o Goberno local socialista comprometeuse a facelo con celeridade. Sen embargo, e como todos sabemos, a día de hoxe ‘O Rural Máis Vivo’ segue paralizado e, lamentablemente, sen indicios de reactivación”, condenan os populares. O
Os concelleiros do Partido Popular en Vilalba teñen moi presente a zona rural e reivindican “as mesmas oportunidades e a prestación de servizos aos veciños das parroquias en igualdade de condicións que os do casco urbano”, indica a voceira, Sandra López.
Así, defenden a prestación do servizo de madrugadores no CEIP Monseivane e CEIP Terra Chá para que os centros do rural estean en igualdade de condicións que os da zona urbana. De cara á vindeira sesión plenaria, tamén preguntarán ao bipartito sobre a previsión para o arranxo das pistas “para que os veciños saiban cando van actuar nas súas parroquias”. E agora que moitos parroquias xa están a celebrar as súas festas, esixirán explicacións sobre as subvencións que a alcaldesa comprometera.