O PP de Vilalba denuncia que “o desgoberno fixo perder unha subvención"
Os populares denuncian a perda dunha nova subvención por parte do equipo de desgoberno socialista de Vilalba que supón que o Concello de Vilalba quede sen orientador laboral “nun momento no que estamos a vivir unha dura situación económica, social e laboral por non ter presentada a solicitude ante a Xunta. Parece que ao goberno local do PSOE non lle interesa o emprego como tampouco lle interesa a dinamización da economía local”, critican.
Despois de non contratar a persoas desempregadas perceptores da RISGA para o que a Xunta presta o seu apoio, o goberno local do PSOE demostra agora, unha vez máis, a súa “total falta de xestión” ao perder unha achega da Xunta de 25.000 euros para apoiar o funcionamento deste servizo. “Iso que se supón que viñan con aires de cambio. Cambio si houbo, pero para peor”, matizan.
Dende o PP local explican que “son moitos os concellos onde as persoas desempregadas dispoñen dunha oficina de emprego con servizo de orientación laboral e que complementan ese servizo co orientador laboral do Concello que apoio ás persoas que o precisan na realización do seu currículo ou na preparación de entrevistas de traballo”. De feito, “co goberno do Partido Popular o Concello de Vilalba dispoñía deste servizo de apoio aos veciños que o puidesen precisar axuda á hora de buscar emprego”, engaden.
A consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder achegas para contratar persoal técnico para o reforzo dos servizos de orientación laboral e asistencia ao autoemprego a distintos concellos, agrupacións e entidades da nosa provincia co obxecto de mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego, como un instrumento para promover unha rede especializada na mellora da empregabilidade das persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.