O PP de Vilalba di que a dimisión do director do Mupav é consecuencia "da mala xestión"

TerraChaXa
O PP de Vilalba condena “a desidia ” da alcaldesa porque “pode poñer en risco o valor patrimonial e a propia supervivencia do Mupav”
mupav vilalba
12 Out 2022

O Grupo Municipal Popular de Vilalba condena “a desidia e neglixencia na xestión por parte da alcaldesa porque pode poñer en risco o valor patrimonial e a propia supervivencia do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Mupav)”. Así o sinalan tras coñecer os motivos polos que o director ven de presentar a súa dimisión que consideran “unha consecuencia directa da mala xestión e abandono absoluto por parte do goberno socialista que preside a señora Veleiro”.

Os populares advirten que “a alcaldesa dispón dende novembro do ano pasado dun informe xurídico que recolle a situación do museo e que, incluso, propón tres solucións alternativas: a xestión directa por parte do Concello, a súa integración na rede provincial de museos ou a súa integración na rede autonómica. A alcaldesa ten a obriga, unha vez coñecido o contido do informe, de tomar unha decisión sobre o museo, pero non o fixo. É inxustificable o seu pasotismo e a súa falta de traballo”, subliñan.

O Grupo Municipal Popular ten advertido en reiteradas ocasións sobre este asunto. Incluso o informe xurídico sobre a situación legal do museo que servira como base para estudar as posibilidades e as actuacións a levar a cabo foi encargado a proposta do Grupo Popular. Recentemente os populares preguntaban tamén ao goberno local sobre os seus plans para o museo que “se limitou a prometer a convocatoria para reunir a comisión de Cultura que nunca cumpriu”.

Os populares cuestionan tamén a “comunicación frecuente” que manifesta a alcaldesa manter co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba porque “as propias declaracións do director -na mesma liña do que teñen manifestado dende o IESCHA ou dende a asociación de Amigos do Museo- deixan en evidencia a este goberno”. Dende o Grupo Municipal do PP cren que “se tivera vontade, terían informado aos membros do padroado da situación do museo; especialmente, dende que coñece o contido do informe”.

Un goberno de esquerdas que abandona a cultura

“O abandono do museo é unha verdadeira pena para Vilalba. Resulta chamativo que este goberno de esquerdas chegara dicindo que ía cambiar a cultura de Vilalba, pero que o primeiro que faga sexa deixar o museo á súa sorte”, inciden.

0.11544609069824