O PP de Vilalba di que non se aprobou en prazo a liquidación de contas do 2022
O Grupo Municipal Popular de Vilalba solicita, a través dunha moción que presenta para o pleno deste xoves pola vía de urxencia, “as aclaracións oportunas” por parte do goberno local socialista sobre os motivos polos que non deu cumprimento ao prazo establecido pola normativa vixente para ter aprobada a liquidación das contas municipais do ano anterior. O artigo 191 da Lei Reguladora de Facendas Locais establece que deben estar antes do 1 de marzo do exercicio seguinte, pero “a 29 de marzo de 2023, aínda non foron aprobadas as do 2022”.
A voceira popular e candidata á alcaldía, Sandra Vázquez, considera que “o presuposto municipal, moito más alá dun documento formal, constitúe unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento de calquera proxecto de goberno”. Nese sentido, cre que “é evidente que algo non vai ben cando un equipo de goberno que chega con aires de cambio ao Concello, goberna durante 4 anos consecutivos coas contas prorrogadas do anterior goberno e sen ser capaz de elaborar uns orzamentos propios cos que dar resposta ás súas propostas de goberno e ás necesidades que se presentan cada ano para o municipio e os nosos veciños”.
Os populares condenan “o desinterese e a falta de xestión por parte do goberno local” que se evidencian no feito de “non presentar uns presupostos en ningunha sesión plenaria durante estes catro anos”.
COMEDOR DA EEI E SERVIZO MADRUGADORES
Sobre o compromiso que manifestara o goberno local de ampliar o servizo de comedor na Escola de Educación Infantil de Vilalba ante o interese das familias, o Grupo Municipal Popular preguntará se “efectivamente o goberno local iniciou os trámites necesarios, en que data e se a proposta foi trasladada á consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades”.
Así mesmo, os populares interésanse por saber en que condicións se está a prestar o servizo de madrugadores nos distintos centros nos que está implantado. Concretamente, preguntan sobre o número de usuarios que están a recibir o servizo, que empresa e ata que data o ten adxudicado.