O PP de Vilalba di que o novo Goberno ten aos empresarios desamparados

TerraChaXa
O Grupo Municipal do PP de Vilalba afirma que “os empresarios de Vilalba están totalmente desamparados polo Goberno local”, pois os novos dirixentes do Concello aínda non recibiron aos membros da Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes, a pesares de que estes rexistraron ata en dúas ocasións na sede electrónica da entidade local a súa petición de recibimento.
4 Feb 2020

O Grupo Municipal do PP de Vilalba afirma que “os empresarios de Vilalba están totalmente desamparados polo Goberno local”, pois os novos dirixentes do Concello aínda non recibiron aos membros da Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes, a pesares de que estes rexistraron ata en dúas ocasións na sede electrónica da entidade local a súa petición de recibimento.

Para os populares este “desentendemento” do Goberno local polo emprego e a industrial local, demostra “a pouca o nula falta de interese por potenciar os sectores produtivos que temos”. Concretamente, este polígono conta con 200 empresas instaladas, algunhas moi destacadas e coñecidas nun dos sectores máis relevantes na comarca como é o lácteo, e 2.000 persoas traballando.

“A indefensión que está a sufrir é inaudita. A alcaldesa tomou posesión en xullo e aínda non se dignou a recibilos. Tivo tempo dabondo para facelo, polo que xa non aceptamos desculpas nin escusas de mal pagador. É unha cuestión de vontade política e, vendo como actúa, está claro que non entra na súa axenda reunirse con eles, a pesares de ser o pulmón económico de Vilalba”, destacan dende o PP.

A segunda proba de que os empresarios “están abandonados” para o PP é que descoñecen se a entidade local ten previsto solicitar as axudas da Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas e rede de abastecemento eléctrico e viveiros industrias que, en anualidades anteriores, se aproximaban aos 80.000 euros.

“Non facelo, sería a primeira vez que o Concello non se acolle a estas subvencións, pois cando gobernaba o Partido Popular, sempre foron solicitadas e recibidas”, precisan. Estas achegas foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 21 de xaneiro.

É por este motivo, e dado que aínda están en prazo, que lle piden ao Executivo socialista que proceda á súa tramitación, co fin de que os empresarios poidan beneficiarse delas.

Afirman que a terceira proba deste desleixo, é que os empresarios tampouco saben nada da ampliación do propio polígono, a pesares de que o Goberno galego e incluso a Confederación Hidrográfica tramitou todos os permisos para poder levala a cabo. É dicir, todas as administracións fixeron os deberes menos o Concello que é quen debe proseguir coa súa tramitación.

“Non entendemos como non se preocupan deste asunto, cando incluso a empresa Entrepinares xa ten firmado coa entidade local un convenio para a cesión dos terreos. Só lles preocupa facer oposición á oposición”, lamentan.

En cuarto lugar, lamentan que dende o equipo de goberno tampouco se estea a informar aos empresarios das actuacións que se van a levar a cabo nas inmediacións da área industrial no marco das melloras do Camiño de Santiago. “Nós, e moito menos estes autónomos, se opoñen a esta actuación, senón que a aplaudimos e a aplauden, pero si que pedimos que se informe antes aos afectados. É unha cuestión de dignidade política e administrativa”, conclúen.

0.16300201416016