O PP de Vilalba escoita as novas necesidades dos queixeiros

TerraChaXa
A xuntanza serviu para abordar asuntos de interese, escoitar e coñecer as problemáticas e demandas “dun sector estratéxico para Vilalba".
reunion pp queixeiros Vilalba
5 Xuño 2021

O Partido Popular de Vilalba analizou os cambios estruturais que supuxo a pandemia para o sector primario e o agroalimentario no marco cunha reunión con queixeiros do municipio que pertencen á DOP San Simón da Costa e que se viron afectados pola crise da covid-19 e o descenso do turismo derivado da mesma. Con esta nova reunión, a xestora do PP local dá cumprimento ao seu compromiso de manter contactos periódicos cos distintos axentes sociais e económicos vilalbeses. De feito, os populares xa mantiveran unha reunión co sector no mes de maio do ano pasado.

A xuntanza serviu para abordar distintos asuntos de interese, escoitar e coñecer as  inquedanzas e demandas “dun sector estratéxico para Vilalba a nivel económico polo seu volume de negocio e a súa capacidade para xerar emprego relacionado cos produtos do rural; pero tamén a  nivel social e, incluso, cultural debido ao vínculo entre o queixo San Simón da Costa e o noso municipio”. Nese sentido, os populares amosaron o seu apoio ao sector nestes momentos nos que tamén se ve afectado pola pandemia.

III Plan de Rescate e outros apoios da Xunta

Os populares explicaron “o III Plan de Rescate da Xunta de Galicia do que se poderán beneficiar empresas e autónomos vilalbeses afectados pola crise da covid-19. O Goberno galego dirixe a este plan máis de 234 millóns de euros reservando o 85% do importe a autónomos e pequenos empresarios”. Así mesmo, puxeron en valor que “a Xunta decidise estender as axudas a todas as actividades económicas que poidan acreditar unha caída do volume de operacións dun 40% ou máis que demostraría unha clara afección por mor da pandemia. Hai que lembrar tamén que o Goberno galego investiu 182 millóns entre o primeiro e o segundo plan”.

Tamén destacaron “o pago en prazo das axudas ordinarias da Xunta ao sector primario que tamén contribúe a apoiar a un sector importante no noso concello tendo en conta, especialmente, a actual situación económica derivada da pandemia”.

Finalmente, manifestaron que “os produtores nos trasladaron que resultou positivo para o sector agroalimentario outro dos programas de apoio por parte da Xunta como foi o ‘Superfeirón’, unha campaña impulsada o ano pasado pola Consellería de Medio Rural para animar aos consumidores a mercar produtos galegos nun momento no que os mercados de proximidade e os bares e restaurantes estaban pechados”.

0.20882606506348