O PP de Vilalba esíxelle ao goberno local que dea a coñecer o plan de mobilidade

TerraChaXa
Sandra Vázquez considera que “Vilalba presenta importantes problemas de mobilidade sen que o goberno local sexa capaz de dar resposta".
felipe barata club atletismo friol
6 Abr 2022

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, considera que “Vilalba presenta importantes problemas de mobilidade sen que o goberno local sexa capaz de dar resposta dun xeito razoable ás necesidades de circulación e seguridade viaria”.

“O goberno local anunciou en setembro do 2020 un plan de mobilidade que recollería aportacións de distintos ámbitos en xaneiro do 2022 comezaba un novo pintado das rúas principais e, posteriormente, anunciaba a implantación da zona azul. Pero, a día de hoxe, aínda descoñecemos esta ferramenta de planificación”, explica Vázquez.

A este respecto, defende que “tomar decisións de calado como é a situación do tráfico na vila require da consulta pública e o diálogo político dos grupos da corporación que representan aos veciños”. É por iso polo que o Grupo Municipal Popular pedirá no vindeiro pleno que “o Concello de Vilalba entregue unha copia do plan de mobilidade os grupos municipais que forman parte da corporación e convoque a maior brevidade posible a comisión de urbanismo para o seu estudo e análise”.

A popular condena que “os grupos da corporación non poidamos facer o noso labor -analizar ese documento e trasladar as opinións dos veciños ao goberno local- porque descoñecemos o plan co que o goberno local xustifica as súas decisións unilaterais en materia de circulación que non solucionan o caos circulatorio; senón que desconcertan aos veciños que descoñecen o que pretende facer o goberno local nesta materia”.

Xestión “caótica”

A “caótica xestión” do goberno local para a reordenación do tráfico supón “prexuízos para os veciños e para a imaxe de Vilalba”. Por unha banda, “continúa pechado o aparcadoiro a carón do auditorio municipal, a pesar de que fai meses que o goberno local o inaugurou. O Grupo Municipal Popular xa instara no mes de xaneiro a habilitar a entrada ao mesmo e no vindeiro pleno preguntaremos cal é o motivo polo que segue pechado o acceso e se o goberno local dispón de tódolos informes técnicos e permisos necesarios para a súa apertura”.

Os populares son conscientes das dificultades de moitas persoas para acceder ao auditorio municipal. No vindeiro pleno tamén preguntarán pola planificación prevista para o acceso de autobuses á zona do auditorio municipal dende a rúa Cotarón; “xa que non se permite a súa circulación pola rúa das Pedreiras e, polo tanto se dificulta a súa saída en condicións de seguridade”.

Igualmente, instarán ao goberno local a revisar a forma de actuar á hora de realizar labores de pintado nas zonas emblemáticas da vila como é o Parador; xa que o pintado das beiras das beirarrúas de cor amarela e posteriormente cor branca “deixa unha imaxe moi lamentable”.

E, en relación ás pistas do conxunto do termo municipal, os populares urxen ao goberno local a facer unha planificación pormenorizada de acondicionamento e bacheo de cara á temporada estival no entorno rural. Sobre a súa reparación e mantemento, “o PSOE opúxose o pasado mes de xaneiro á nosa proposta de elaborar un plan serio ante o mal estado que presentan”, lembran.

Aparcamento subterráneo na Praza da Constitución

O aparcamento subterráneo da Praza da Constitución, que ofrece un centenar de prazas no centro da vila, presenta novas gretas dende os últimos meses. Polo tanto, os populares preguntarán ao goberno local se é coñecer desta situación e se dispón de informes técnicos sobre o seu estado”.

0.1913480758667