O PP de Vilalba esixirá explicacións sobre "os seus incumprimentos"
Os populares de Vilalba esixirán no último pleno do mandato explicacións á alcaldesa sobre os “numerosos incumprimentos do goberno socialista cos vilalbeses e vilalbesas”. Nese sentido, expoñen que “foron catro anos pouco produtivos debido a esta falta de eficacia na xestión á que hai que sumar o despilfarro e, desafortunadamente tamén, o autoritarismo do PSOE no goberno á hora de tomar decisións sen ter en conta ás persoas ou colectivos que se vén afectados”.
A voceira e candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, explica que “fai catro anos a alcaldesa e o seu equipo -daquela con Vilalba Aberta como socio de goberno- tomaban posesión prometendo cambio e outras actuacións que recollían no programa electoral do 2019”. Agora “podemos observar que o cambio foi para mal e que moitas das súas promesas non se levaron a cabo”. É máis, “padecemos a súa incapacidade e falta de previsión para gobernar o día a día do municipio: son incapaces de realizar uns presupostos para resolver as problemáticas actuais e tamén son incapaces de manter o que herdaron de anteriores gobernos, como é o caso das infraestruturas de cultura e deportes”.
O Grupo Municipal Popular esixirá no vindeiro pleno a comparecencia da alcaldesa para dar conta da falta de presupostos para as anualidades 2020, 2021, 2022 e 2023; a situación do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria “caducado dende fai máis de dous anos”, do servizo de limpeza e conserxería en instalacións municipais, a relación de postos de traballo (RPT) “para incrementar o persoal municipal xa que a alcaldesa sempre se escuda na súa escaseza, a parálise na que ten a ampliación do polígono industrial Sete Pontes de Vilalba, as escasas inversións no rural, o proxecto de centro de día e a situación do MUPAV”.