O PP de Vilalba insta ao Concello a presentar o programa das festas
"As festas de Vilalba, as de San Ramón e Santa María, deste ano son especialmente importantes, porque, por causa da pandemia, non se puideron celebrar nos dous anteriores". Así o sinala a portavoz do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, que expresa a preocupación do seu grupo polo feito de que o goberno municipal non dera a coñecer aínda o contido do programa, a falta de menos dun mes para que comecen. Os populares defenderán unha iniciativa na próxima sesión plenaria para instar ao goberno local a facer público o programa.
"A edición deste ano das festas de Vilalba ten como peculiaridade o feito de que, por primeira vez en moitos anos, a organización corre directamente por conta do Concello e non dunha comisión. O que preocupa aos populares é o feito de que ata o momento, non se coñeza o programa, polos menos algúns aspectos fundamentais do mesmo", dixo.
No PP lembran que a organización dos actos a incluír no programa é unha tarefa complexa, que require traballar con moita anticipación. "Dado que o goberno local non acaba de presentar o programa, os populares temen que o traballo para preparar as festas non fose todo o intenso e planificado que é preciso para conseguir o resultado que merecen os vilalbeses", engade.